Diario Oficial de
Galicia
venres, 2
de marzo de 2001
III. OUTRAS
DISPOSICIÓNS
![]()
|
Número do Dog: |
44 |
|
Páxina do Dog: |
2.661 |
|
|
|
|
|
|
|
Data da Disposición: |
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Sección: |
III. OUTRAS DISPOSICIÓNS |
|||
|
Organismo: |
CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS |
|||
|
Rango: |
Resolución |
|||
|
Título: |
Resolución conxunta do 15 de febreiro de 2001, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e das divisións de Recursos Humanos e de Asistencia Sanitaria do Servicio Galego de Saúde, pola que se ordena a publicación do pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CC.OO., CESM-SATSE, CIG, CSI-CSIF e UGT, polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde. |
|||
Con data do 15 de febreiro de 2001, no marco da Mesa Sectorial de Negociación do
Persoal Sanitario, e de conformidade co previsto no artigo 35 da Lei 9/1987, do
12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de
traballo e participación do persoal ó servicio das administracións públicas,
asinaron os representantes da Administración sanitaria e as centrais sindicais
CC.OO., CESM, CIG, CSI-CSIF, SATSE E UGT asinaron o pacto polo que se regulan
determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito
das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de
Saúde.
Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da citada lei, faise
necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Na súa virtude,
RESOLVEN:
Acorda-la publicación do pacto polo que se regulan determinadas condicións de
traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias
extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde, que se
inclúe como anexo a esta resolución.
Santiago de Composela, 15 de febreiro de 2001.
Manuel A. Silva Romero
Secertario xeral da Consellería de Sanidade
e Servicios Sociais
Valeriano Martínez García
Director xeral da Divisióin de Recursos Humanos
do Servicio Galego de Saúde
Francisco J. López Rois
Director xeral da División de Asistencia Sanitaria
do Servicio Galego de Saúde
ANEXO
No ano 1993 dictouse o Decreto
200/1993, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia,
norma coa que se inicia a modernización do primeiro nivel asistencial nesta
comunidade. A reforma iniciada co citado decreto
foi seguida doutras disposicións que vehicularon diversas regulamentacións tanto
na ordenación da asistencia coma nas condicións de traballo e retributivas dos
profesionais da atención primaria.
Unha norma de indubidable transcendencia na reforma foi o
Decreto 172/1995 (DOG nº 121, do 26 de
xuño) polo que se aprobou o Plan de urxencias extrahospitalarias da Comunidade
Autónoma de Galicia. Nel, a atención urxente deséñase para a súa prestación nuns
puntos xeográficos denominados puntos de Atención Continuada (PAC). Nestes PAC
prestan servicios tódolos profesionais sanitarios das localidades incluídas nos
ámbitos de cobertura de cada un deles.
De acordo co dictado do Decreto
172/1995, a implantación dos PAC realizouse de xeito paulatino, comezando polos
núcleos rurais e aquelas localidades onde non se constituísen servicios normais
e especiais de urxencia. Nas cidades,
onde existían tales servicios de urxencias, dispúxose que entretanto non se
constituíran os PAC continuarían prestando servicio para a asistencia urxente
extrahospitalaria os profesionais dos dispositivos citados.
Tamén se constatou a conveniencia de ordena-la execución do proceso de
integración, polo que se dictou a Orde do 30 de xuño de 1997 (DOG nº 125, do 1
de xullo), pola que se regula o réxime de preintegración do persoal estatutario
facultativo e ATS/DUE con destino nos servicios normais e especiais de urxencias
no novo modelo de atención primaria.
A ordenación da prestación asistencial e a execución dos procesos de integración
con colectivos diversos nos ámbitos dos PAC suscitaron diversas propostas no seo
dos órganos de participación e interlocución cos axentes sociais do contorno
sanitario, co obxectivo de acada-lo pleno grao de establecemento do modelo de
urxencias extrahospitalarias e a súa pacífica execución.
Así, no ano 1999 a Administración sanitaria asina coas organizacións sindicais
con representación na Mesa de Negociación de Persoal Sanitario un compromiso
para o desenvolvemento das urxencias extrahospitalarias plasmado nun documento
de data 30 de novembro do ano 1999. Neste acordo recóllense distintas
disposicións relativas á ordenación da xornada e prestación de atención
continuada polos profesionais sanitarios. No citado compromiso veñen a
desenvolverse pola vía da negociación colectiva determinados preceptos en
materia de condicións laborais e ordenación da xornada contidos no
Decreto 172/1995 antes citado.
A Administración sanitaria de Galicia negocia coas organizacións sindicais con
representación na Mesa Sectorial de Sanidade o presente pacto que recolle con
carácter xeral as disposicións sobre a materia recollidas no compromiso do 30 de
novembro de 1999 antes citado.
A norma ten forma de pacto por razón da materia, que regula a ordenación da
xornada no ámbito da atención primaria, en concreto nas urxencias
extrahospitalarias, e determinadas condicións de prestación de servicios no
citado ámbito e nivel.
De acordo co previsto nos artigos 35, 36 e 37 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de
órganos de representación, determinación das condicións de traballo e
participación do persoal ó servicio das administracións públicas, a División de
Recursos Humanos e a División de Asistencia Sanitaria do Sergas en uso das
competencias previstas no Decreto
49/1998, do 5 de febreiro, polo que se establece a estructura orgánica dos
servicios centrais do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 159, do 20 de agosto) e
as organizacións sindicais CC.OO., CESMSATSE, CIG, CSI-CSIF e UGT asinan para a
súa tramitación e posterior publicación no Diario Oficial de Galicia o presente
pacto polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que
presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria
do Servicio Galego de Saúde.
Normas xerais
1º Ámbito de aplicación.
O presente pacto será de aplicación ó persoal
facultativo e sanitario non facultativo
que presta servicios nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria
constituídos con base no Decreto
172/1995, de urxencias extrahospitalarias.
Ó persoal non sanitario que preste servicios en atención primaria seralle de
aplicación directa a disposición 5.6 do presente pacto. A aplicación das
restantes disposicións do pacto que lles poidan afectar poderá ser acordada no
seo da comisión de seguimento.
2º Prazo de vixencia.
O presente pacto terá efectividade a partir do día seguinte ó da súa publicación
no Diario Oficial de Galicia.
A súa vixencia estenderase por catro anos desde a súa publicación no Diario
Oficial de Galicia.
3º Retroactividade dos seus efectos.
As disposicións números 5.1º, 5.2º, 5.7º e 5.8º deste pacto cos prazos nelas
recollidos terán efectos retroactivos desde a data do 30 de novembro de 1999.
4º Derrogación.
Quedarán sen efecto tódolos pactos, actos ou disposicións anteriores que
contradigan o disposto neste pacto.
5º Normas xerais.
5.1ª Atención continuada urxente e permanente.
1.1. A atención continuada, urxente e permanente prestarase nos Puntos de
Atención Continuada, en
réxime de presencia física, como máximo desde as 15.00 ás 8:00 horas nos días
laborables e durante as 24 horas dos domingos e días festivos.
1.2. A atención continuada, urxente e permanente que se prestará mediante os
puntos de Atención Continuada axustarase ós seguintes criterios no que se refire
á prestación de servicios por parte dos profesionais:
1.2.1. Nas localidades nas que na data do 30 de novembro de 1999 os profesionais
non tiveran que prestar atención continuada por existir dispositivos
especificamente destinados a este labor, o establecemento dun Punto de Atención
Continuada non comportará a asignación ós profesionais das unidades e servicios
de Atención Primaria de cargas horarias superiores ás realizadas na dita data,
agás que estes opten voluntariamente por asumilas tralo ofrecemento da
Administración.
Os profesionais do modelo tradicional (zona ou APD) non prestarán atención
continuada nestes ámbitos.
1.2.2. Nas demais localidades, a atención continuada desenvolverase polos
profesionais de xeito mixto conforme os seguintes tramos:
a) Atención continuada obrigatoria: corresponderá a tódolos profesionais que
teñen encomendada a atención ordinaria a atención urxente como máximo desde as
15 horas ata as 22 horas dos días laborables e desde as 8 horas ata as 22 horas
dos días festivos.
b) Atención continuada e urxente desde as 22 horas ata as 8 horas da xornada
seguinte non terá que ser prestada de xeito obrigatorio polos profesionais que
teñen encomendada a atención ordinaria con vínculo estructural, se ben estes
poderán voluntariamente realizala, incorporándose para iso á organización de
traballo do PAC.
Dentro das posibilidades de flexibilidade na organización do traballo que poidan
asumi-los xestores de atención primaria, garantindo en todo caso a continuidade
asistencial, e de acordo cos profesionais afectados, con criterios de
racionalidade e uniformidade, poderanse adoptar de facto outras formas
organizativas de prestación da atención continuada e que permitan a libranza da
xornada seguinte á realización de quendas nocturnas.
Para os efectos da salvagarda do dereito á protección da saúde
constitucionalmente protexido, no suposto de que se produza o esgotamento da
bolsa de traballo de profesionais de xeito que non existan profesionais que
poidan prestar atención continuada, poderá requirirse de forma excepcional e
temporalmente con carácter obrigatorio ós profesionais que teñen encomendada a
atención ordinaria para atende-la urxencia
nocturna e festiva nestes ámbitos. Neste suposto extraordinario
proporcionaráselles ós profesionais unha compensación en todo caso equivalente á
prestación realizada. Tal medida só terá virtualidade no momento no que se poña
en marcha o sistema de voluntariedade no tramo nocturno do Punto de Atención
Continuada correspondente e o
profesional optase pola voluntariedade da non realización neste tramo.
1.2.3. Zonas especiais: con fundamento nas súas peculiares características
socioeconómicas e orográficas, consideraranse zonas especiais para os efectos da
organización da atención continuada os concellos que se indican a seguir:
-A Gudiña.-A Mezquita.-O Bolo.-A Veiga.-Navia de Suarna.-Cervantes.-Folgoso do
Courel.-Pedrafita do Cebreiro.
A consideración de zonas especiais destes territorios implicará que nestes
ámbitos se poderá organiza-la atención continuada mediante modalidades
organizativas que non impliquen a presencia física dos profesionais.
1.3. A organización do traballo respectará o descanso mínimo semanal de 36
horas, procedéndose ás compensacións horarias ou adaptacións se fosen
necesarias.
Así mesmo, dentro da xornada ordinaria e efectiva, realizarase como máximo unha
xornada de sábado de cada tres.
5.2ª. Cómputo de atención continuada.
5.2.1. Límite anual ás quendas obrigatorias de atención continuada: a prestación
obrigatoria de atención continuada para os profesionais limítase a un máximo de
535 horas en cómputo anual, que se distribuirán nun máximo de 60 xornadas anuais
efectivas de atención continuada cunha rotación media mensual de 5,5 quendas de
atención continuada.
Esta limitación comprenderá única e exclusivamente os servicios que presten os
profesionais no Punto de Atención Continuada.
5.2.2. Límite anual ás quendas voluntarias de atención continuada: dado que
voluntariamente poden realizarse máis horas de atención continuada que as
obrigatorias, establécese para estes supostos un límite conxunto tanto para as
que se presten de xeito obrigado coma voluntario de 810 horas en cómputo anual.
Esta limitación comprenderá única e exclusivamente os servicios que presten os
profesionais no Punto de Atención Continuada.
5.2.3. Ós profesionais que teñan asignadas cargas asistenciais superiores a 450
horas anuais de atención continuada obrigatoria garánteselle-la non asignación
de xeito prioritario en axeitada ponderación de quendas correspondentes a
domingos e días festivos.
Sen menoscabo das necesidades organizativas, manterase o status quo prestacional
nos supostos
afectantes ós profesionais que a data 30 de novembro de 1999 prestaban servicios
nas unidades de tarde e ós profesionais ós que se refire o parágrafo primeiro do
punto 5.5 do presente pacto.
5.2.4. Nas zonas especiais recollidas neste compromiso os profesionais terán
unha asignación media mensual non superior a 8 quendas de garda localizada
diurna.
5.2.5. O Sergas procurará que no prazo de dous anos desde a publicación do
presente pacto se teña rematada a integración de tódolos concellos con gardas
localizadas en PAC. Cada profesional que continúe facendo gardas localizadas non
realizará máis dunha de cada catro fins de semana (sábado e domingo e festivo)
de garda. Esta medida será válida sempre e cando se manteña alomenos o sistema
de agregación actual de concellos no caso de gardas supramunicipais, salvo as
desagregacións levadas a cabo pola Administración sanitaria. Os profesionais que
opten voluntariamente pola realización das gardas localizadas exclusivas da súa
cota non se verán incluídos neste punto no relativo ás cargas de fins de semana.
A comisión de seguimento terá información puntual dos novos PAC que se
constitúan.
5.3. Exencións.
Implantarase como mecanismo singular de reducción unha regulación que permita a
exención ou dispensa de prestación obrigatoria de quendas de atención continuada
a aqueles profesionais que padezan enfermidades graves ou outras circunstancias
impeditivas, sempre que estean debidamente acreditadas a través da avaliación
dos órganos técnicos competentes, con intervención dos comités de saúde laboral.
Así mesmo, en función da evolución do modelo de voluntariedade que se está a
implantar, entendendo como prioritaria a descarga asistencial do tramo nocturno
para tódolos profesionais, trala negociación no seo da comisión de seguimento
deste pacto, os órganos competentes do Sergas dictarán no ano 2001 as
instruccións necesarias para implantar un procedemento de exención de quendas
obrigatorias de atención continuada para os profesionais maiores de 55 anos,
sempre que existan profesionais disponibles.
5.4. Xeneralización de transporte e manutención.
A Administración prestará a tódolos profesionais os servicios de transporte e
manutención correspondentes á prestación de servicios no ámbito da atención
continuada, permanente e urxente.
Unicamente nos supostos excepcionais nos que a Administración non poida
transitoriamente prestar estes servicios polos seus propios medios, aboaranse as
indemnizacións establecidas na normativa de aplicación.
5.5. Integración definitiva dos profesionais actualmente preintegrados.
Os profesionais que actualmente se atopan prestando servicios exclusivamente no
ámbito das urxencias extrahospitalarias, e que teñen pendente a súa integración
no tramo ordinario serán adscritos nas unidades e servicios de Atención Primaria
nun prazo máximo de 3 anos, computados desde a data da publicación deste pacto.
En concreto, no prazo dun ano pasarán a prestar atención ordinaria,
incorporándose ás correspondentes estructuras asistenciais, unha porcentaxe non
inferior ó 33% de profesionais que actualmente están en espera de integración
definitiva. Para iso, no seo da comisión de seguimento definiranse os criterios
que permitan facer efectiva a dita incorporación, avaliándose singularmente cada
caso, se fose preciso.
5.6. Mellora nas condicións profesionais do persoal non sanitario de atención
primaria.
A evolución no sistema asistencial de atención primaria alcanzará tamén ós
profesionais non sanitarios que prestan servicios nos seus dispositivos
asistenciais tanto na atención ordinaria coma nos correspondentes á atención
continuada e urxente. Tales medidas de mellora levaranse a través das seguintes
liñas de actuación:
a) Determinación das categorías de persoal non sanitario de apoio, coas súas
condicións laborais e retributivas, que deben prestar servicios no nivel de
atención primaria así como dos mecanismos que, de se-lo o caso, poidan
implantarse para permiti-la progresión e promoción a estas categorías do actual
persoal non sanitario, sen que en ningún caso se vexan minoradas as súas
retribucións.
b) Determinación das dotacións necesarias de efectivos de persoal non sanitario
tanto no ambito da atención ordinaria coma da atención continuada urxente.
c) Para poder proceder a estas medidas a comisión de seguimento realizará un
estudio pormenorizado da actual situación e necesidades de dotación de persoal
non sanitario de atención primaria nun prazo máximo de 3 meses. Durante este
prazo non se adoptará ningunha medida que altere a situación actual.
5.7. Nomeamento de atención continuada no ámbito da atención primaria.
Resulta preciso defini-la forma de vinculación que permita a incorporación de
profesionais no proceso de repartición do traballo que vén producido
fundamentalmente pola non obrigatoriedade de prestación de atención continuada
ou urxente e do proceso de reducción progresiva dela. Esta incorporación de
profesionais non se produce nun contexto xa pechado definitivamente, senón que
tal concreción do modelo debe ser aínda obxecto de análise, debate e afondamento
no seo da comisión de seguimento polo que o modelo de vinculación ten evi
dentemente un carácter transitorio que non excederá do prazo previsto de 5 anos
aludido no punto 5.8. Ultimado o período transitorio procurarase unha solución
de emprego de carácter estructural sempre que así derive da organización do
traballo.
Esta vinculación definirase polas seguintes características:
a) Os profesionais que se incorporen ó sistema para a atención ás urxencias
extrahospitalarias vincularanse ós centros sanitarios mediante un nomeamento
estatutario de carácter público.
b) Dado que as necesidades de incorporación destes profesionais estarán en
función das variables características que pode presenta-la estructura sanitaria
como consecuencia do exercicio da opción voluntaria por prestar ou non quendas
de atención continuada por parte dos profesionais da atención ordinaria neste
contexto transitorio, os nomeamentos terán carácter temporal.
c) A selección de profesionais que se incorporen á atención urxente
extrahospitalaria realizarase, con suxeición ós principios de igualdade, mérito
e capacidade, a través das bolsas de emprego definidas no pacto de selección
temporal do Sergas.
Para iso elaborarase unha listaxe especial á que poidan apuntarse
voluntariamente os integrantes da bolsa de emprego das categorías
correspondentes.
d) Os profesionais que desexen ser vinculados para a prestación de atención
continuada tamén poderán prestar servicios de atención ordinaria no ámbito
territorial correspondente, coas lóxicas limitacións que inevitablemente implica
esta compatibilidade. En concreto, compatibilizarán a atención urxente cos
nomeamentos para a atención ordinaria de duración non superior a un mes,
respecto dos cales terán preferencia. Estes nomeamentos deberán ser en todo caso
compatibles coa principal, respectando tanto os tempos e desprazamentos coma as
asignacións de tempos de traballo e descansos.
Por causa desta compatibilidade e preferencia, a prestación en termos anuais de
servicios destes profesionais non se compoñerá exclusivamente de quendas de
atención continuada. Por este motivo, os profesionais nomeados deste xeito terán
unha asignación máxima obrigatoria equivalente ó máximo anual dos profesionais
voluntarios, é dicir, 810 horas computadas en 11 meses.
e) Antes de proceder á incorporación de profesionais para a atención continuada
deberá procederse á correspondente planificación das necesidades que existen en
cada dispositivo de atención urxente. Con base en tal planificación
garantiráselle ós profesionais seleccionados un nomeamento dunha duración de ata
6 meses que permita atende-las necesidades do dispositivo correspondente, coa
asignación de quendas mensuais con carácter previo alomenos ó inicio do mes.
f) A prestación de servicios de atención continuada urxente do persoal nomeado
por esta causa serán remunerados co mesmo valor hora que o que resulta da
aplicación á prestación de atención continuada dos profesionais integrantes das
unidades e servicios de Atención Primaria.
Así mesmo, en coherencia coas normativas que regulan a remuneración para os
períodos de vacacións do persoal estatutario, por cada 11 horas de atención
continuada que se realicen mediante estes nomeamentos devengarase e acreditarase
en nómina unha hora adicional, para os efectos de manter íntegra a identidade de
condicións salariais co persoal que ten asignada a atención ordinaria.
g) No seo da comisión de seguimento do presente compromiso estudiarase e
debaterase sobre as fórmulas que resulten máis plausibles para adapta-las
condicións retributivas e sociais destes profesionais, coa aplicación dos
axustes que resulten necesarios.
5.8. Reducción progresiva de cargas asistenciais.
Tendo en conta as dispoñibilidades organizativas e asistenciais concorrentes e
ata acadar unha carga non superior á xornada de traballo ordinaria esixible para
tódolos profesionais, o Servicio Galego de Saúde progresará na reducción, no
prazo máximo de 5 anos, das cargas asistenciais obrigatorias.
No seo da comisión de seguimento do presente compromiso fixaranse anualmente os
límites horarios máximos da quenda obrigatoria de atención continuada.
6. Comisión de seguimento.
Créase unha comisión de seguimento do presente compromiso, integrada pola
Administración sanitaria e as organizacións sindicais que o asinan, que coñecerá
toda a problemática referida ós puntos que xa foron obxecto de mención explícita
nos anteriores epígrafes e de todos aqueloutros que deriven do contido do resto
dos epígrafes que se consensúan.
Alomenos os acordos acadados sobre os puntos 5.3 e 5.8 deste pacto serán obxecto
de publicación no Diario Oficial de Galicia. A comisión de seguimento do pacto
poderá acorda-la publicación dos acordos que coide oportunos.
7. Desenvolvemento normativo.
Os órganos competentes do Sergas dictarán as normas que sexan necesarias para o
seu desenvolvemento trala negociación na comisión de seguimento deste pacto.
Estas normas terán a necesaria flexibilidade na súa ordenación que permita, sen
menoscabo do seu contido, as adaptacións e requirimentos futuros que se poidan
producir na regulamentación desta importante e complexa materia. Se ben, o
futuro decurso do plan determinará a pervivencia definitiva do modelo tal e como
se configura, con toda a flexibilidade e ductilidade de que se lle dota a tal
fin, ou a súa mudanza nos aspectos que resulten precisos polos imperativos
dalgún dos programas de actuación que se recollan.