LIBRANZA DE GUARDIAS EN MAYORES DE 55 AÑOS EN PRIMARIA

 

No Pacto subscrito pola Administración sanitaria coas centrais sindicais CC.OO,CESMSATSE, CIG, CSI-CSIF e UXT, polo que se regulamentan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servicios no ámbito das urxencias extrahospitalarias na atención primaria do Servicio Galego de Saúde (DOG nº 44 do 2 de marzo de 2001), na súa norma xeral 5.3 relativa a exencións recóllese a previsión de exención por razón de enfermidade grave ou outras circunstancias impeditivas e a implantación dun procedemento de exención de quendas obrigatorias de atención continuada para os profesionais maiores de 55 anos, sempre que existan profesionais dispoñibles.

En data 10 de xaneiro de 2000 (por mor do compromiso contraido no ano 1999 do que devén o pacto anterior), dictáronse Instruccións reguladoras da exención por razón de enfermidade crónica ou circunstancias especiais dos profesionais de atención primaria que prestan servicios nos puntos de atención continuada da Comunidade Autónoma de Galicia.

O dictado das normas precisas que regulamenten, con ámbito xeral, a posibilidade de exención dos profesionais maiores de 55 anos estaba condicionada á disponibilidade de profesionais para a cobertura da atención urxente extrahospitalaria nas distintas áreas de atención urxente extrahospitalaria nalgunhas categorías.

O actual modelo organizativo de voluntariedade na realización de tramos de garda e substitución desa voluntariedade por profesionais cun vínculo temporal condicionou a regulamentación da exención de maiores de 55 anos, xa que no citado pacto dase prioridade á disponibilidade destes profesionais para cubri-las renuncias do tramo voluntario de quendas de garda sobre a exención do tramo obrigatorio para maiores de 55 anos.

O procedemento regulamentado nestas Instruccións complícase e dificúltase tanto pola indisponibilidade de profesionais para a realización de quendas nalgunhas áreas coma polo número de profesionais maiores de 55 anos que poden acollerse á exención.

Non se pode establecer un procedemento lineal de exención, como sería desexable, debendo contemplarse excepcións motivadas tanto no número de profesionais solicitantes da devandita exención por idade nun dispositivo, coma pola citada indisponibilidade de profesionais para a cobertura desa exención, tendo en conta ademais que a exención non prexudique a cobertura do actual sistema de voluntariedade na realización de tramos de garda.

En todo caso debe terse en conta que os servicios obxecto da actual exención que se regulamentan non abranguen, con carácter xeral, ó tramo nocturno de atención, do que a súa realización xa ten carácter voluntario dende o ano 1999 como consecuencia do compromiso asinado pola Administración e as centrais sindicais antes referenciado.

No seo da Comisión de Seguimento acórdase o texto destas Instruccións que aborda a exención de gardas de maiores de 55 anos coas garantías precisas para salvagarda-la necesaria asistencia ós pacientes polos profesionais sanitarios vinculados ó SERGAS, polo que o procedemento de exención de gardas recollido e acordado nestas Instruccións regulamenta excepcións na súa aplicación. Recóllese tamén un sistema que regulamenta a prioridade na exención, nos supostos que o número de profesionais solicitantes da exención exceda as posibilidades de cobertura no dispositivo correspondente.

INSTRUCCIÓNS 1/2003

(PACTO URXENCIAS EXTRAHOSPITALARIAS)

Primeira.- Obxecto.

As presentes Instruccións teñen por obxecto regulamenta-la exención da realización de gardas e de atención continuada tanto de presencia física como localizada na quenda obrigatoria para os profesionais sanitarios de atención primaria maiores de 55 anos que presten servicios nun punto de atención continuada ou nos dispositivos de atención urxente extrahospitalaria.

Segunda.- Ámbito de aplicación.

As presentes Instruccións serán de aplicación ós profesionais das distintas categorías de persoal sanitario, facultativo e sanitario non facultativo, que presten servicios no tramo horario obrigatorio no ámbito de atención urxente extrahospitalaria e reúnan os requisitos recollidos no apartado terceiro seguinte.

Terceira.- Requisitos da exención de gardas ou atención continuada.

1.- Poderán solicitar esta exención de quendas obrigatorias de garda ou atención continuada os profesionais que teñan cumpridos 55 anos de idade.

2.- Os profesionais que reúnan o requisito da idade deberán ter vínculo estructural co SERGAS, con nomeamento de persoal fixo, interino en praza vacante ou por substitución de titular con dereito a reserva de praza de duración estimada superior a un ano.

3.- O profesional solicitante deberá estar prestando servicios no tramo obrigatorio, de maneira estable e continuada, no ámbito da atención urxente extrahospitalaria, nos dispositivos constituídos a tal fin, en réxime de presencia física ou localizada.

Cuarta.- Efectos da exención.

1.- A exención conlevará a non asignación ó profesional de gardas ou atención continuada no seu tramo obrigatorio dentro da organización de traballo na institución sanitaria correspondente. A exención non afectará nin á planificación e organización dos servicios de garda ou atención continuada.

2.- A devandita exención, conlevará, en todo caso, a ausencia de retribucións polos conceptos de atención continuada, gardas ou complemento de urxencias segundo sexa o réxime retributivo do afecto. Tampouco dará lugar a indemnización ou remuneración ningunha resarcitoria para o profesional dispensado da prestación.

3.- A exención do tramo obrigatoria por razón de idade non exime da obriga destes profesionais de atención de pacientes que demanden atención urxente en tramo de xornada ordinario.

4.- Dentro das posibilidades normativas existentes no marco xurídico estatutario vixente, o Servicio Galego de Saúde poderá formalizar nomeamentos temporais que teñan por causa a realización de gardas ou atención continuada, como consecuencia do previsto nas presentes instruccións.

Quinta.- Procedemento para a exención.

1.- Solicitarse mediante a presentación de petición por escrito dirixido ó director xerente, alegando cumpri-los requisitos recollidos no apartado 3 destas Instruccións. Xúntase no anexo I modelo de solicitude.

2.- O director xerente resolverá no prazo dun mes autorizando a solicitude formulada. Excepcionalmente por razón de indisponibilidade de aspirantes para a cobertura da exención, poderá ser denegada a solicitude, revisando, neste suposto, cada tres meses as circunstancias que deron lugar á denegación, agás que a causa da denegación previsiblemente sexa de duración superior a tres meses. Xúntase no anexo II modelo de resolución.

3.- As denegacións motivadas deberán ser informadas á comisión de centro ou de se-lo caso xunta de área, para que achegue os informes contradictorios que estime oportunos. No caso de discrepancia entre os motivos alegados pola dirección e os representantes dos traballadores, previo elevarase o expediente á División de Recursos Humanos do SERGAS que resolverá motivadamente tralos informes da División de Asistencia Sanitaria e da Comisión de Seguimento do Pacto de urxencias extrahospitalarias. Xúntase no anexo III modelo de resolución denegatoria.

4.- A xunta de persoal ou comités de centro recibirán cumprida e puntual información das exencións autorizadas.

5.- Igualmente, as xerencias remitirán a este centro directivo a relación das exencións concedidas.

Sexta.- Suspensión e revogación.

1.- As exencións de gardas ou atención continuada concedidas poderán ser suspendidas de oficio, ou revogadas a instancia do interesado ou de oficio.

2.- A suspensión da exención concedida deberá estar motivada na indisponibilidade temporal de profesionais sanitarios para a cobertura da asistencia urxente extrahospitalaria nos tramos obrigatorios. A suspensión será temporal e terá unha duración máxima de tres meses consecutivos.

3.- A revogación poderá ser a instancia do interesado e conlevará a realización do tramo obrigatorio por período mínimo dun ano. Requirirá resolución motivada do director xerente e poderá ser denegada exclusivamente por razóns asistenciais ou organizativas.

4.- A revogación de oficio será acordada pola dirección do centro e notificada ó profesional con suficiente antelación, así mesmo con carácter previo informarase ás xuntas de persoal ou comisión de centro. A revogación de oficio virá motivada cando se constate a indisponibilidade de profesionais para a cobertura da asistencia no ámbito correspondente. Tal revogación por indisponibilidade de profesionais será revisada no momento de desaparece-la causa que deu lugar á revogación, e en todo caso cada tres meses.

5.- Igualmente, as xerencias remitirán a este centro directivo, á maior brevidade posible, a relación das revogacións que se produzan.

Sétima.- Criterios de prioridade na exención.

1.- Nos supostos que no ámbito dun dispositivo de atención urxente ou PAC concorran máis dun profesional solicitantes da exención e se constate a indisponibilidade de profesionais para a cobertura da atención, con afectación na organización da prestación de servicios na atención urxente extrahospitalaria, aplicaranse os seguintes criterios de prioridade na exención. Tales criterios rexerán tamén nos supostos de suspensión e revogación de gardas de ter concedida a exención máis dun profesional, en aplicación inversa.

2.- Nos supostos anteriores aplicaranse e pola súa orde os seguintes criterios:

a) En caso de concorrencia de profesionais solicitantes da exención nunha área resolverase a favor do de maior idade. En caso de concorrencia para a suspensión ou revogación será a favor tamén do de maior idade, por tanto revogarase ó de menor idade.

b) De persisti-lo empate resolverase a favor do que teña máis servicios prestados en urxencias extrahospitalarias e subsidiariamente no Sistema Nacional de Saúde.

Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2003.

O DIRECTOR XERAL DA DIVISIÓN DE RECURSOS HUMANOS DO SERVICIO

GALEGO DE SAÚDE,

Asdo.: Valeriano Martínez García

SR. XERENTE DE ATENCIÓN PRIMARIA DE ..................................

5

Anexo I

SOLICITUDE DE EXENCIÓN DE GARDAS OU ATENCIÓN CONTINUADA POR RAZÓN DE IDADE

NUN PUNTO DE ATENCIÓN CONTINUADA OU DISPOSITIVO DE ATENCIÓN URXENTE

EXTRAHOSPITALARIA NA ATENCIÓN PRIMARIA

Apelidos e nome: ..................................................................................................................................................................

Data de nacemento: día/ mes /ano ..............................................................................................................................

Categoría profesional: ......................................................................................................................................................

Vinculación: Fixa. Temporal en vacante o reserva de praza, duración superior ó ano.

Punto de atención continuada ou Dispositivo: ...........................................................................................................

Servicio ou Unidade:

Xerencia: ..............................................................................................................................................................................

Presencia física: ..................................................................................................................................................................

Localizada: ..............................................................................................................................................................................

EXPÓN:

Primeiro.- Que vén realizando servicios en concepto de gardas ou atención continuada de xeito estable e

continuado.

Segundo.- Que ten cumprido-los 55 anos de idade.

Por todo o anterior,

SOLICITA:

Que de conformidade co disposto na Instrucción 1/2003 (Pacto Urxencias Extrahospitalarias), lle sexa

autorizada a exención da realización de gardas ou atención continuada na quenda obrigatoria no punto de

atención continuada ou dispositivo de atención urxente extrahospitalaria.

En ................................, a........... de.................. de 2003

Asdo.:..................................................

DIRECTOR XERENTE ..............................................................................................................................................

? Sinale cun x o que proceda.

6

Anexo II

Primeiro.- Visto o escrito de data ..................... no que D./DNA.

...................................................................... solicita que, de conformidade co disposto nas Instruccións 1/2003 (Pacto Urxencias Extrahospitalarias) a exención de gardas ou atención continuada por razón de idade.

Segundo.- Comprobado no expediente persoal que D./DNA. ........................................................................ cumpre os requisitos establecidos na Instrucción terceira para acceder válidamente ó réxime de exención de gardas ou atención continuada.

Esta Dirección Xerencia

RESOLVE:

Concede-la exención de gardas ou atención continuada solicitada, autorizando a D./DNA. ..................................................................... á non realización do tramo obrigatorio de quendas de atención continuada no ámbito das urxencias

extrahospitalarias correspondente con efectos dende o día…………………

A exención de gardas ou atención continuada concedida poderá ser suspendida de oficio, ou revogadas a instancia do interesado ou de oficio.

A suspensión da exención concedida estará, de se-lo caso, motivada na indisponibilidade temporal de profesionais sanitarios para a cobertura da asistencia urxente extrahospitalaria nos tramos obrigatorios. A suspensión será temporal e terá unha duración máxima de tres meses consecutivos, e será notificada por escrito.

A revogación poderá ser a instancia do interesado e conlevará a realización do tramo obrigatorio por período mínimo dun ano. Requirirá resolución motivada do director xerente e poderá ser denegada exclusivamente por razóns asistenciais ou organizativas.

A revogación de oficio será acordada pola dirección do centro e notificada ó profesional con suficiente antelación, así mesmo con carácter previo informarase ás xuntas de persoal ou comisión de centro. A revogación de oficio virá motivada cando se constate a indisponibilidade de profesionais para a cobertura da asistencia no ámbito correspondente. Tal revogación por indisponibilidade de profesionais será revisada no momento de desaparece-la causa que deu lugar á revogación, e en todo caso cada tres meses.

Anexo III

Denega-la exención de gardas ou atención continuada, solicitada por razón de idade polos seguintes motivos: (motivación da denegación basada na indisponibilidade de profesionais para a cobertura da atención) No prazo máximo de tres meses revisaranse as circunstancias que deron lugar á denegación. De ser superior a esta duración se lle notificará expresamente.

Esta denegación será informada á comisión de centro ou de se-lo caso xunta de área, para que achegue os informes contradictorios que estime oportunos. No caso de discrepancia entre os motivos alegados pola dirección e os representantes dos

traballadores, elevarase o expediente á División de Recursos Humanos do SERGAS que resolverá motivadamente tralos informes da División de Asistencia Sanitaria e da Comisión de Seguimento do Pacto de Urxencias Extrahospitalarias.

Contra a presente denegación poderá interpoñer recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS dentro do prazo dun mes dende a súa notificación.

En ................................, a ............ de ............................. de 2003.

O DIRECTOR XERENTE DO ....................................

Asdo.: ...................................

D./DNA. ................................................................................